OS CONCELLOS UNIDOS

Galicia Crime está ambientada nos Concellos Unidos de Galicia, unha terra que mestura bica con pancakes, muñeiras con country, o enxebre co cool. Un lugar no que calquera soño é posible, a terra das oportunidades e o marisco. 

Os Concellos Unidos son 314 microestados e unha soa constitución (chea de enmendas, iso sí). O himno nacional leva por título "Barras e Estrellas Galicias" en honor aos pais fundadores que resolveron as súas disputas bebendo cervexa nun bochinche alá polo 1906. Alí mesmo firmaron a carta magna e comezou unha época de prosperidade na que Os Concellos Unidos acabarían por converterse nunha das grandes potencias económica do mundo. 

A principal cidade dos Concellos Unidos é Carballork, considerada o centro do universo por moitos. Séguelle moi de preto Sanchicago de Compostela e Arteixas. Aínda que o Capitolio está na capital histórica dos Concellos Unidos, Porto do Whasington. Ali tamén está a Casa Branquiazulceleste, fogar e oficina do Presidente Feishow

As principais ameazas externas dos Concellos Unidos veñen das outra gran superpotencia mundial, Asrusias, coa que manten unha guerra fresquiña dende hai anos. A xente vive nunha aparente tranquilidade, pero calquera cousa podería desatar un conflito internacional. 

Neste contexto comezan as aventuras do detective Dowson e o sarxento Pillei, dous policías de Carballork que co tempo acabarán cumprindo un papel crucial no futuro dos Concellos Unidos de Galicia. Pero non adiantemos acontecementos.